LETRAS GALEGAS

LETRAS GALEGAS 2015

A RAG decidiu que o escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2015 será

          Xosé Filgueira Valverde

saber máis

 

 

 

O Día das Letras 2011 estará adicado ao poeta Lois Pereiro

 Lois Pereiro naceu en Monforte de Lemos no ano 1958. Con dezasete anos marchou a Madrid para continuar os seus estudos e alí fundou, xunto con Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas, a revista Loia, que só coñecería catro números (o último de 1978). Nesta publicación apareceron poemas do escritor monfortino que posteriormente serían recollidos en Poemas para unha loia (1996) libro en que se inclúe o ensaio "Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia", que fora dado a coñecer ese mesmo ano nas páxinas da revista Luzes de Galiza.

     De regreso ao país, Pereiro figurou nas antoloxías colectivas recollidas baixo os títulos De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985), compilacións en que figuran nomes como Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Rivas, Xavier Seoane, Francisco Salinas, Xulio Valcárcel, Lino Braxe e outros poetas de moi diferentes tendencias mais que partillaban inquedanzas culturais. Entre as iniciativas conxuntas deste grupo heteroxéneo destaca o sostimento da revista Luzes de Galiza, onde viron a luz para alén do ensaio xa citado os oito primeiros capítulos da súa novela inconclusa Náufragos do paradiso.

     En vida Pereiro só publicou dúas obras, Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía de amor e enfermidade (1995), duros e espidos poemarios en que se fan patentes as pegadas expresionistas, as referencias á literatura xermánica e certos trazos da contracultura.

     A morte sobreviríalle na cidade Coruña en 1996.

Ten dous libros publicados, en Edicións Positivas: Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía de amor e enfermidade (1995) e 8 capítulos dunha novela sen acabar, Náufragos do paradiso, que publicou a revista Luzes de Galiza nun dos seus últimos números.


 

 

 A Real Academia dedica as Letras Galegas 2010 ao poeta do Courel,

Uxío Novoneyra

           

 O autor que a finais dos anos 50 e con xesto valente pronunciou unhas verbas en galego en plena represión da lingua nun acto público en Compostela; o literato que cantou ao espírito galego colectivo en Os eidos; o poeta por excelencia do Courel, Uxío Novoneyra (1930-1999), recibirá o vindeiro ano o homenaxe que dende hai tempo merecía. Onte mesmo, o plenario da Real Academia Galega (RAG) acordaba dedicarlle o Día das Letras Galegas 2010 ao autor que chorara pola morte do Ché e as atrocidades de Vietnam na súa poesía cívica.

Na web www.uxionovoneyra.com, os parabéns filtrábanse onte despois de que amigos do poeta impulsaran unha campaña a prol de que lle dedicasen as Letras Galegas 2010, sumando preto de 600 apoios na rede con espazo propio incluido no Facebook.
Pola súa parte, a Real Academia destacaba onte que "Novoneyra foi un poeta de entrega total, cunha obra en constante refacción, en continua forxa". A RAG resaltaba tamén que non por isto foi un poeta de minorías "xa que sempre tivo unha gran preocupación pola comunicación co pobo. Algúns dos seus poemas extensos, como ´Vietnam Canto´ ou ´Letanía de Galicia´ estiveron presentes en cancións e recitacións desde a súa creación en 1968".
Os académicos tiveron en consideración tamén "a súa incursión narrativa para nenos" así como "a oralidade da súa poesía que adquiría matices especiais cando o mesmo poeta recitaba os seus propios versos".
O devezo de poetas e escritores pola súa obra traduciuse en dedicatorias inesquecibles. Lupe Gómez, por exemplo, chegou a sinalar de Novoneyra que "a súa poesía é a alma dunha muller espida mirando a natureza, verdéndose, abríndose".
Pola súa parte, Xosé Luis Méndez Ferrín e Ramón Piñeiro (este, o último homenaxeado no Día das Letras Galegas) teñen resaltado a súa creación no poemario Os eidos. Para Piñeiro, esta obra "expresa a experiencia máis radical e permanente do espírito galego en canto realidade colectiva".